luns, 11 de marzo de 2024

Día da Nena e a Ciencia

Tivemos hoxe unha  videoconferencia coa doutora Dona Margarita Vázquez Navarro  doutora en Ciencias Físicas e traballadora do Eumetsat, a Organización Europea para a Explotación de Satélites Meteorolóxicos en Alemaña.  

 O seu traballo actual consiste na observación da Terra dende o espazo.

 A videoconferencia seguímola con moita atención a través das pantallas das aulas.

Contounos que decidiu estudar a carreira de Física porque dende pequena sempre se preguntaba por que pasaban as cousas.

 Unha vez rematada a carreira, a súa curiosidade seguiu facendo que quixese saber cousas e marchou a Munich (Alemaña) para facer o doutorado e tentar saber por que as liñas dos avións no ceo ás veces son moi longas, outras curtas, outras non se ven e que efecto tiña isto no clima.

Despois do doutorado continuou cos estudos de Post-doutorado no centro aeroespacial alemán (DLR) investigando a atmosfera.


Explicou a importancia dos datos que recompilamos dende que hai satélites e como con estes datos as predicións meteorolóxicas son cada vez máis precisas. Tamén vimos fotos da Terra pero que tiñan unhas cores moi raras, porque as cámaras dos satélites, que é dende onde se sacan, teñen uns lentes especiais, que reproducen tanto as cores visibles, como a temperatura ou unha mestura delas. Deste xeito poden “atravesar” as nubes e poden distinguir a neve das nubes, por exemplo.

Vimos como se manda un satélite ao espazo, cun foguete que ten moitísimo combustible. Na parte superior do foguete é onde se aloxa o satélite ata chegar a súa posición, momento no que se desprende o tanque do combustible e o satélite desprégase: xa pode empezar a enviar información.

Aprendemos que grazas aos datos recollidos, podemos saber con antelación se vai haber furacáns, cara onde se dirixen, con que velocidade ou a temperatura da auga do mar, que é coma o combustible que pode acelerar e facer crecer esas tormentas.

Tamén a importancia de ver nunha erupción volcánica cara onde se dirixen as nubes, pois avaríanse os avións ao atravesar esas nubes, e así se lles pode dicir por onde voar sen perigo. As tormentas de area tamén son visibles e poden avisar á poboación para que se protexa.

Ás veces esas nubes de area levan en suspensión nutrientes que se acaban no mar son fonte de alimento para os peixes, entón pódese saber onde van ir comer os peixes e os barcos pesqueiros saben onde teñen que ir pescar.

Os satélites axudan na loita contra os incendios porque poden avisar onde están os focos de lume máis potentes e se a dirección do vento pode por en perigo ás brigadas contra o lume. E mesmo a calidade do aire é medible dende o espazo, algo que se notou durante o confinamento, pola pouca emisión de gases contaminantes a atmosfera.

Polas preguntas que lle fixeron soubemos que lles leva un ano ou máis en montar todos os aparellos que leva un satélite, porque hai que probar todos os proxectos en terra para non ter fallos no espazo.

Preguntaron como se protexían os satélites do frío e da calor e resulta que levan unha capa illante.

Soubemos que levan placas solares para ter enerxía, mais tamén precisan algunha batería para cando están fora da luz solar.

A charla foi do máis interesante, instrutiva e amena dende o principio, tanto para o alumnado como para o profesorado.

 Aprendemos moitas cousas sobre o tempo, o clima, os satélites e, sobre todo, que ter inquedanzas e buscar o por que das cousas pode levarnos a traballar en algo tan interesante coma a teledetección ou calquera outra cousa tanto nenas como nenos.

Queremos agradecerlle sinceramente a Margarita a charla que compartiu con nós e a rapidez en contestar unhas preguntas formuladas por dous alumnos que non sabía naquel momento.

Pensaremos en todo o que nos aprendeu cando miremos ao ceo e vexamos pasar algún satélite...

Graciñas!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario