Biblioteca do CEIP de Ponte Sampaio

Biblioteca do CEIP de Ponte Sampaio
Preme a imaxen para ver a nosa biblioteca

venres, 8 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS 2020

OOOLA!!
Como van eses paseos?
Imaxínome que saben a pouco, mais hai menos de tres semanas nin sequera podiades saír...
Sempre temos que mirar as cousas polo lado positivo.
Avanzamos o mes de maio, mes das flores, mes das Letras Galegas, ...
A estas alturas do curso, logo da festa dos maios, estariamos traballando arreo recompilando información e aprendendo sobre D. Ricardo Carballo Calero, autor a quen se lle dedica este ano 2020 o 
Día das Letras Galegas.
Ollade este vídeo que montaron sobre a súa vida e obra no Colexio San Pío X de Ourense.
D.Ricardo Carballo Calero pasará a historia tamén por ser o primeiro escritor galego ao que se lle homenaxea nos centros no mes de outubro polo estado de alarma.
Para afondar máis sobre o autor, déixovos os enlaces a dúas páxinas a través das que podedes aprender polo miúdo sobre el.
Grazas á labor do Seminario Galán que dende hai anos comparte información sobre o autor ou autora homenaxeada do ano e propón actividades para facer nos distintos niveis.
Preme para acdeder á páxina

Os tres libros de cores que aparecen o abrir o enlace lévanvos ás actividades en liña, a actividades para imprimir e a unha galería de fotos do autor.
 Probade!
Preme para viaxar pola "Primavera das Letras"

A Real Academia Galega proponvos unha viaxe pola “Primavera das Letras” con información, xogos e actividades interactivas sobre
Ricardo Carballo Calero.

A celebración deste 17 de maio podemos transformala de novo, xa estamos afeitos.
 Teño algunhas propostas para vós:
 Primeira: escoller as tres palabras en galego que máis vos gusten. 
Porque soen ben, porque sexan curtas, porque sexan longas, porque cando as escoitades aparece un sorriso na vosa cara, porque...
"pola razón que sexa".
Entre todas as palabras que enviedes elixiremos as que máis se repitan para facer un cartel.
Segunda: escoller un libro en galego que teñades na casa,
 o que prefirades.
Facer e mandar unha foto da cuberta onde se mire ben o título.
As fotos que cheguen antes do 17 de maio, publicarémolas no blog.
Terceira: facer un relato  curto usando as palabras que aparezan nas cubertas dos libros que mandastes. 
A extensión do relato cun máximo de 250 palabras .
Remataremos o mes das letras publicando os vosos relatos.
As colaboracións mandádeas, coma sempre, ao meu email bibliopinco@gmail.com  indicando no asunto:

# PALABRAS ESCOLLIDAS

#CUBERTAS CONFINADAS

#RELATO CURTO
ÁNIMO FAMILIAS!

XA QUEDA UN DÍA MENOS

Ningún comentario:

Publicar un comentario